Thursday 02 de May de 2024

Paderne celebra os 15 anos do seu Fogar do Maior cunha gran festa no Restaurante El Pantano


 Terá lugar o venres 9 de febreiro e constará dun xantar de laconada completa tras o que haberá música, baile e agasallos

 A inscrición pódese formalizar nos Servizos Sociais ou no teléfono 981797001 ata o día 2 de febreiro

15 anos atendendo ás persoas nun espazo comunitario ás persoas máis veteranas do municipio dan para moito. Por iso, o Concello de Paderne pretende celebrar o XV aniversario da apertura do seu Fogar do Maior cunha gran festa. O executivo local organiza o venres 9 de febreiro un evento no que está citada toda a veciñanza que teña 65 ou máis anos. Trátase dun xantar no Restaurante El Pantano que continuará cunha tarde de música, baile e agasallos.
“Unha das apostas deste equipo de goberno é o benestar das persoas maiores. Tras reiniciar os servizos de adestramento de memoria e podoloxía, facemos unha proposta de actividade comunitaria, coincidindo co aniversario de apertura do Fogar do Maior”, apunta o alcalde, Sergio Platas.
Precisamente por iso, o Concello puxo en marcha xa o sistema de reservas para apuntarse a este evento. As persoas interesadas poden confirmar a súa asistencia nos Servizos Sociais da Casa Consistorial de xeito presencial ou chamando ao 981797001. O prazo límite para pechar esta reserva é o venres 2 de febreiro.
O prezo por asistir é de 30 euros e inclúe a laconada completa no restaurante, con viño refrescos, auga, café e sobremesa de Entroido, pero tamén o servizo de autobús para acudir ao restaurante. O autocar partirá ás 10:30 horas do Concello e irá facendo paradas polas parroquias para recoller ás persoas que se apunten.
Tras a comida, a festa non parará. Ao contrario. A música, o baile, os sorteos e os agasallos serán os protagonistas como xeito de pechar unha xornada inesquecible coa que Paderne quere aproveitar unha efeméride para seguir fomentando os lazos comunitarios entre a súa xente.